Expoñen en Bruxelas a Estratexia de Hubs de innovación para apoiar as PEME na transformación dixital

martes, 8 de outubro do 2019 Redacción

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) organizou esta mañá no marco da 17ª edición da Semana Europea das Rexións e das Cidades en Bruxelas un obradoiro onde se debateu sobre como as rexións, e especialmente os Hubs de Innovación Dixital, poden apoiar ás PEME no acceso ás tecnoloxías dixitais para enfrontarse ao reto da nova revolución industrial.
Na súa intervención, Patricia Argerey, directora de Gain, presentou a Estratexia galega de Hubs de Innovación Dixital, un novo instrumento, impulsado pola Xunta que, a través dun modelo de colaboración público-privado aberto, agrupa a todos os axentes do ecosistema de I+D+i en ámbitos estratéxicos para Galicia co obxectivo de mellorar a competitividade da economía galega. Actualmente estanse a constituír dous Hubs que estarán centrados en achegar ás PEME as tecnoloxías asociadas á fábrica do futuro, como a internet das cousas e a intelixencia artificial, e as que permiten o manexo de grandes cantidades de información (big data) vinculadas ao desenvolvemento das ciencias da vida.
De cara ao futuro, sinalou que a Estratexia busca establecer sinerxías que transcendan o ecosistema galego de innovación e que faciliten a participación das empresas, centros tecnolóxicos e de investigación e do resto de axentes en plataformas e iniciativas de cooperación transnacional para promover a internacionalización do sistema de I+D+i e posicionar a Galicia de cara á futura Rede europea de Hubs de Innovación Dixital.
No obradoiro exploráronse precisamente xeitos de aumentar o impacto territorial destas iniciativas, especialmente a través dun uso innovador de fondos europeos. Destacou a participación de Max Lemke, xefe de Unidade de Tecnoloxías e Sistemas para Dixitalizar a Industria da Comisión Europea, responsable destas plataformas.

PUBLICIDADE