Expertos da educación sinalan que as TIC poderían limitar a capacidade intelectual dos escolares

mércores, 22 de agosto do 2007 Matías Olazabal

Nun artigo publicado recentemente en MSN, diversos expertos en educación dos Estados Unidos aseguran que o uso que se fai da tecnoloxía nos centros escolares no devandito país (que é o mesmo ca no resto do mundo desenvolvido) podería poñerlle atrancos ó proceso de aprendizaxe en troques de potencialo, como decote se pensa. Tendo en conta que hoxe en día calquera estudante, amais de estudar, ten que crear presentacións, redactar e maquetar traballos prácticos ou pescudar na Rede información para os seus traballos, a pregunta que moitos educadores e investigadores están a facerse é se isto realmente acaba por ser un método didáctico máis eficaz ou non. Estes pregúntanse: até que punto os estudantes están a aprender o uso das novas tecnoloxías en lugar de adquirir aqueles coñecementos incluídos nos programas das escolas?

O autor do libro A mente que pestanexa: Salvando a educación da falsa promesa da tecnoloxía (The Flickering Mind: Saving Education From the False Promise of Technology ), Tom Oppenheimer, é un dos máis críticos coa chegada dos ordenadores ás aulas de xeito incontrolado, e asegura que as pescudas na Rede, unha visita virtual a un museo ou até o feito de pintar cun rato en lugar de facelo cun lapis ou pincel está a “afectar xa ó maxín” dos escolares, proceso que remata por “limitar a súa capacidade mental”.

Por outra banda, Dan Leyes, profesor de ciclo superior durante os últimos vinte años, comparte parcialmente a visión dos detractores da tecnoloxía, e segundo as súas observacións na aula, este profesional do ensino considera que “os estudantes cren que fan ben (un traballo) cando curtan e pegan cantidades de información para logo poñelas nas presentacións e lelas durante as exposicións na aula.” Se ben agora é máis doado achar información grazas á Rede, este profesor de Nova Jersey teme que o xeito de investigar dos alumnos lles impida interiorizar do mesmo xeito que cando tiñan que “traballar moito máis para atopar e rexistrar información, proceso que acababa por facilitar a xenuína comprensión” hai uns poucos anos.

A chegada da tecnoloxía nas aulas tamén está a facer que os profesores de matemáticas teñan problemas cos alumnos, que no intre de facer cálculos adoitan a botar man das calculadoras en troques de facer os mesmos mentalmente ou nun caderno. Elona Hartjes, profesora de matemáticas dunha escola secundaria de Ontario, Canada, di que ten que explicar ós seus alumnos que senón fan os cálculos mentalmente “as neuronas coas que se fan as contas acabarán por esmorecer” e que por mor deste mal hábito os alumnos “serán menos intelixentes”. Sobre o emprego da tecnoloxía noutros eidos do estudio, a mestra canadense sostén que o máis importante é que “a tecnoloxía poida ser usada coma unha ferramenta para axudar os alumnos na escola” para o que “deben saber usala para o seu beneficio”.


Os portátiles na aula: distraen o axudan?

Outro dos grandes debates actuais consiste en tentar aclarar se o uso dos portátiles na aula pode ou non ser un atranco para a atención dos alumnos. Se ben aínda é moi miúdo o emprego de portátiles nos centros de ensino, algúns profesores permiten o manexo dos mesmos “para tomar apuntamentos” e mesmo incentivan o uso dos equipos na aula. Contrariamente o que estes mestres cren, un estudo levado a cabo na Universidade de Winona State en Minnesota amosou que os portátiles realmente interfiren no proceso de aprendizaxe. As taxas expostas na investigación citan unha media de 17 minutos (dos 75 que dura unha clase) no que o alumno fai cousas no seu ordenador que nada teñen que ver coa clase, como ler o correo electrónico (un 81 por cento dos enquisados dixo que aproveita o tema de clase para isto), chatear con amigos (un 68 por cento usa sistemas de mensaxes na aula), navegar na Rede (43 por cento) e até xogar co ordenador (un 25 por cento). O dato máis significativo recollido no estudo é que os alumnos que levan o portátil á clase obtiveron cualificacións levemente máis baixas (un 5%) ca os que non o fan.


Neoloxismos e sintaxe sui generis por mor dos SMS

As abreviaturas e novas formas sintácticas teñen sido dende sempre un aliado no intre de tomar apuntamentos, pero agora, e tralo uso masivo de novos termos para aforrar caracteres nas mensaxes SMS, semella que se vai gañando un espazo nos traballos e até nos exames. No medio dun debate mundial que ten alporizados a moitos defensores do correcto emprego da lingua, as autoridades neocelandesas chegaron ós titulares da prensa anglofalante ó autorizar o uso da linguaxe abreviada (denominada “text-speak”) nos seus exames nacionais.

Neste senso, a escritora Mignon Fogarty, responsable de uns dos podcasts de máis éxito de 2006 sobre o correcto uso da gramática, opina que os alumnos están a ser “tentados” a empregar abreviaturas cando teñen un tempo limitado para entregar un exame. De feito, a graduada superior en lingua inglesa asegura que tendo en conta que os rapaces envían mensaxes decote e que ó tratarse dun “adestramento diario” pode ser que mesmo se inclúan as devanditas abreviaturas de xeito “inconsciente”.


700 millóns de dólares anuais para tecnoloxía no ensino

Entre os seareiros do uso das novas tecnoloxías na aula, o máis grande propulsor das mesmas parece ser Estados Unidos. Segundo o investigado por Mathematica Policy Research Inc, o país inxecta máis de 700 millóns de dólares anualmente en medidas que favorezan a chegada da devandita vaga informática ás aulas do país. Ademais dos políticos hai quen di que en xeral os rapaces consideran a tecnoloxía “algo atractivo” e que este feito pódese empregar como reclamo para que aquelas actividades consideradas aburridas deixen de selo. Erica Braverma, profesora dunha escola en New Jersey asegura que os alumnos teñen “adoptado o uso de blogs, wikis, e poscasts” e que isto fai que se interesen por certos temas que considerarían pesados ó lelos nun libro.

Sobre a cantidade de esforzos e diñeiro investido por particulares, institucións e o Estado en favorecer este novo fenómeno, Oppenheimer asegura que “non existe ningún estudo serio que probe que a incorporación das novas tecnoloxías teña un impacto significativo na aprendizaxe”.En que estamos gastando o noso diñeiro?” pregunta o escritor e polo visto este debate non fixo máis que comezar.

PUBLICIDADE