ExpOtaku contará cun amplo espazo dedicado á Nintendo Switch

luns, 20 de maio do 2019 Marcus Fernández

Uns 20.000 seareiros do manga, o anime, o cosplay e os videoxogos achéganse cada ano a ExpOtaku

A vindeira fin de semana o recinto feiral de EXPOCoruña acollerá a décima edición de ExpOtaku, e dende Nintendo veñen de dar conta do seu apio un ano máis a ese encontro no que contarán cun espazo de 150 metros cadrados no que acollerán máis de 30 postos de xogo, garantindo que que os visitantes poidan gozar das últimas novidades para Nintendo Switch e descubrir Super Smash Bros. Ultimate, xogo no que a compañía nipoa deposita moita confianza, como demostran os 14 postos de xogo que destinarán ao mesmo.
Entre os xogos que Nintendo levará este ano a ExpOtaku están o curioso Octopath Traveler, o xogo de acción Fire Emblem Warriors, o magnífico The Legend of Zelda: Breath of the Wild e os inevitables Pokémon: Let’s Go Pikachu! e Pokémon: Let’s Go Eeve!. Os que queiran botar unha partida a algún xogo competitivo tamén contarán con Dragon Ball FighterZ, Splatoon 2 e Mario Kart 8 Deluxe.
Da franquía de Mario tamén poderemos ver os seus grandes xogos para Nintendo Switch: Yoshi’s Crafted World, Super Mario Odyssey, Donkey Kong Country: Tropical Freeze e Super Mario Party.
Que queira coñecer mellor o catálogo de xogos e as posibilidades da Nintendo Switch ten unha grande oportunidade dende o venres até o domingo en ExpOtaku.

PUBLICIDADE