Evoz, un novo monitor de bebés conectado

martes, 17 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Nas últimas horas un novo proxecto en Indiegogo conseguiu superar o seu obxectivo de financiamento ao pouco de comezar, dando a entender que o seu concepto resulta o suficientemente atractivo. Trátase de Evoz, un monitor de bebés conectado que non só contaría cunha cámara de alta definición para poder facer un seguimento dun cativo dende calquera lugar, senón que tamén gozaría de certa interactividade, xa que dende a aplicación móbil dende a que se xestiona a cámara tamén podemos activar a reprodución de arrolos para adormentar á criatura ou incluso falarlle a través do dispositivo (o que tamén pode resultar de utilidade para dar instrucións remotas a unha persoa que estea a coidar do bebé).
O Evoz tamén ten funcións de control de luz nocturna (a base da propia cámara inclúe unha pequena lámpada), alertas de temperatura e choro e, como é propio dun dispositivo con cámara, tamén pode disparar fotografías e gravar vídeo. O trebello pode comunicarse a través da Wi-Fi doméstica, comunícase con aplicacións móbiles para Android e iOS, dispara alertas push, en aplicación, por SMS e correo electrónico e pretende comezar a remitirse aos mecenas que o financien o vindeiro mes de abril, para o que terán que achegar dende 179 dólares (165,74 euros incluíndo os gastos de envío).


Vídeo promocional do Evoz

PUBLICIDADE