Euskatel fortalece o seu perfil galego co nomeamento de Beatriz Mato como conselleira

martes, 29 de setembro do 2020 S. P.

A xunta xeral extraordinaria de accionistas do Grupo Euskaltel nomeou este martes 29 de setembro, coa aprobación dunha ampla maioría, a incorporación da galega Beatriz Mato como nova conselleira independente do órgano de goberno da compañía, o que supón, en palabras do grupo, “un claro reforzo do perfil galego do Grupo e da marca R en Galicia”.
Euskaltel tamén valora o feito de que o nomeamento chegase e se formalizase “nun intre crucial para o desenvolvemento do grupo”, que vén de aprobar o seu plan estratéxico para os vindeiros cinco anos e iniciou “con éxito” a súa expansión ao mercado estatal. “Beatriz Mato, coa coa súa grande experiencia e coñecemento do tecido empresarial e institucional de Galicia, contribuirá a reforzar o arraigamento de R neste mercado”, engadiu a compañía.
Beatriz Mato, como recordaremos, foi conselleira de Traballo e de Medio Ambiente nos anteriores gobernos de Alberto Núñez Feijóo. Nada en Barakaldo (Bizkaia) en 1965, é enxeñeira industrial, especialidade Organización Empresarial, pola Escola Superior de Enxeñeiros Industriais de Bilbao, e Mestrado MBA de Dirección e Administración de Empresas, pola Escola de Negocios da Universidade da Coruña. Ademais, ten o Certificado de Bo Goberno de Sociedades polo Instituto de Conselleiros-Administradores, e é membro da Asociación Española de Conselleiras.
Beatriz Mato conta con 30 anos de experiencia profesional na empresa privada e pública, liderando proxectos empresariais no sector tecnolóxico e de consultoría en pemes e multinacionais e tamén desenvolveu a súa carreira na xestión pública como conselleira do Goberno autonómico de Galicia. Dende o mes de febreiro é directora de Desenvolvemento Corporativo da empresa galega de renovables Geenalia.

PUBLICIDADE