Euro-Par 2017 xuntará en Compostela a expertos internacionais en computación paralela e distribuída

venres, 25 de agosto do 2017 Redacción

A vindeira semana xuntaranse en Santiago de Compostela expertos de todo o mundo no ámbito da computación de altas prestacións para presentar e debater os últimos avances científico-técnicos en computación paralela e distribuída a nivel global durante o Congreso Internacional Euro-Par 2017, un dos foros de maior impacto do mundo e o máis importante de cuantos celébranse no continente europeo.
O evento na súa 23ª edición chegará a Galicia da man do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela), organizado polos investigadores adscritos ao centro Francisco Fernández Rivera, Tomás Fernández Pena, José C. Cabaleiro y Dora Blanco, membros do Grupo de Arquitectura de Computadores (GAC).
Euro-Par 2017 tratará distintos aspectos relacionados co mundo da computación paralela, desde cuestións teóricas sobre os supercomputadores, os procesadores de última xeración, as tarxetas gráficas ou as redes de interconexión, ata a programación de aplicacións destinadas a dar resposta a problemas de alta demanda computacional. En particular farase especial énfase en temas de máxima actualidade, como o paralelismo en sistemas multinúcleo, a computación na nube, a computación Big Data ou o consumo enerxético dos grandes supercomputadores.
O congreso contará coa presenza, entre outros, de tres figuras do paralelismo a nivel internacional David Padua, da Universidade de Illinois (EEUU); Ian Foster, da Universidade de Chicago (EEUU); e Jürgen Döllner, da Universidade de Postdam (Alemania). Polo que atinxe á industria, en Euro-Par 2017 participan tamén compañías tecnolóxicas de prestixio, como Intel ou HP.
Ao longo da conferencia presentaranse 50 traballos, escollidos de entre 177 propostas recibidas de grupos de investigación de todo o mundo. Por outra banda, ao abeiro do congreso celebraranse ata 10 obradoiros de temáticas moi específicas, sobre as que se incidirá especialmente. Unha das principais novidades respecto a edicións pasadas será o concurso de programación paralela, dirixido aos novos asistentes ao congreso e desenvolvida nos computadores do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
A sesión inaugural terá lugar o vindeiro mércores 30 de agosto ás 8:30, e a ela asistirán o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, e o director do Centro de Supercomputación de Galicia, Javier García Tobío.

PUBLICIDADE