Estudantes da UVigo clasifícanse para o meirande desafío robótica educativa de España

luns, 30 de marzo do 2020 Sonia Pena

Malia a pandemia e a suspensión de tantas liñas de actividade, segue habendo boas novas no noso ámbito TIC: boas e prometedoras. Como prometedores son os estudantes do IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers) da Universidade de Vigo que veñen de acadar o fito de clasificarse para a final do que sería o meirande desafío de robótica educativa do país, o ASTI Challenge. O equipo vigués (cinco alumnos e unha alumna) acudirá ao evento con AdaLove, un enxeño cuxo nome homenaxe a Ada Lovelace, considerada a primeira informática da historia.
A final estaba prevista para o pasado sábado 28 de marzo no Museo da Evolución Humana de Burgos, pero, debido á situación excepcional causada polo brote e expansión do COVID-19, decidiu posporse ata o vindeiro 6 de xuño.
O grupo vigués, chamado GCode Robotics, está formado por catro estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (Elena Rodríguez, Mateo González, Miguel Salvatierra e Fernando Flores) e dous da Escola de Enxeñería Industrial (Ánxel Fragueiro e Diego Castillo).
Para participar na competición crearon un prototipo de robot cuxo chasis foi desenvolvido con impresión 3D e cuxos sinais están conectados grazas ao deseño de circuítos impresos. O enxeño, programado para competir en diferentes contornas, ten capacidade para orientarse, moverse e comunicarse de forma autónoma. Amais, é quen de enfrontarse a retos tales como resolver un labirinto, enfrontarse en sumo, lanzar bolos, recoller cargas, moverse por unha cuadrícula no chan ou mesmo estacionar, “e todo isto de forma autónoma”.
Previamente a seren seleccionados para a final pasaron por catro fases previas de temáticas variadas nas que o xurado valorou a planificación e a capacidade de orzamentar o proxecto, o deseño do prototipo en todos os seus aspectos e a creación dun algoritmo en Python para a orientación autónoma dun robot en simulación.

PUBLICIDADE