Estudan as vantaxes do uso do móbil por parte dos menores

martes, 25 de maio do 2010 Raquel Noya

O Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) e Orange España presentaron na Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información o Estudo sobre seguridade e privacidade no uso dos servizos móbiles polos menores españois elaborado conxuntamente por ambas as dúas entidades no que achegan un diagnóstico bastante atinado sobre o emprego actual do móbil entre nenos e adolescentes españois de entre 10 e 16 anos.
Segundo o mesmo, os pais e nais españois séntense máis seguros sabendo que os seus fillos levan un teléfono móbil para poder localizalos cando están fora da casa.
Esta é unha das conclusións ás que se chega no informe, elaborado a partir de 644 enquisas persoais realizadas a menores e a pais ou titores de 322 fogares españois, ademais das achegas de 55 expertos na materia, que revela que a idade de inicio á telefonía móbil entre os nenos se sitúa hoxe en día entre os 10 e os 12 anos, en liña con outros países europeos.
Na análise das motivacións respecto do acceso dos menores á tecnoloxía móbil está precisamente a posibilidade que proporciona aos seus pais “o feito de telos localizados”, aspecto que recoñecen a gran maioría dos nenos entrevistados (90,7 por cento) e os seus proxenitores (88,5 por cento). É interesante destacar que ter o neno mellor localizado non impide que os menores consideren que dispoñer dun móbil outórgalles máis independencia e privacidade nas súas relacións persoais. É máis, o 69,6 por cento dos nenos pensan que “ter un móbil lles concede máis autonomía”.
Así, como sinala Fernando Ballestero, secretario xeral de Orange España, "no estudo consideráronse 4 factores que contribúen ao acceso á telefonía móbil polos nenos e adolescentes: o teléfono móbil como símbolo de iniciación á adolescencia, como ferramenta para tranquilizar os pais, como ferramenta de protección do menor e, finalmente, como instrumento de integración co ámbito de iguais".

PUBLICIDADE