Estrella Galicia amosa os resultados da súa aposta pola mobilidade e o código aberto

mércores, 10 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

A Corporación Hijos de Rivera, responsábel da cervexa Estrella Galicia (unha das nosas marcas de meirande proxección internacional), vén de amosar os resultados da súa aposta recente pola mobilidade e polas novas tecnoloxías, unha estratexia que xa avanzamos en Código Cero nas súas liñas xerais. Máis polo miúdo, foi unha aposta pola experiencia da galega Queres.es e polas novas tecnoloxías da multinacional Alfresco, firma especializada na achega de programas abertos de xestión empresarial, directamente afianzados na nube, con todo o que isto subministra: entre outras cousas, a posibilidade de traballar na túa empresa dende calquera parte do mundo coma se estiveras, precisamente, na túa empresa. Con vantaxes múltiples e sen ningún dos atrancos que de antigo implica o factor “distancia”.
A idea de Estrella Galicia foi a de solucionar un baleiro no seu seo, onde non había unha solución de xestión documental unificada senón que se empregaba un sistema propietario para o traballo coas facturas dos provedores, no que a documentación íase acubillando en unidades de rede, discos duros e outros sistemas. O proxecto TIC comezou precisamente aí: na xestión das facturas dos provedores. Logo, estendeuse o seu uso a tódolos departamentos. Dende o principio fíxose preciso un recurso que fose quen de soportar unha boa carga de traballo: até 4.000 documentos novos ao mes no departamento de Facturación, “volume que foi medrando a medida que se incorporaron máis departamentos e empresas do grupo”, sinalan.
José Manuel Santiso, responsábel de negocio de TIC de Estrella Galicia, explica deste xeito as demandas requiridas: “No proceso de selección da nova plataforma documental, tiñamos claro que debía ser software libre, así como escalable e doadamente aplicable a outras áreas da compañía, tamén era fundamental que a solución contara co apoio dunha rede de socios e a garantía dunha empresa como Alfresco”. Logo de consultar opcións como Documentum, Sharepoint e KnowledgeTree, finalmente optouse por Alfresco Enterprise 3.3.4. Para o desenvolvemento do proxecto, Estrella Galicia colaborou estreitamente coa firma galega Queres Tecnoloxías, integradora das solucións que abrangue o xestor documental Alfresco. A clave da introdución destes novos recursos radicou, sinala Queres, na capacidade de axilizar o proceso de xestión das facturas, de maneira que o acceso a estas e a súa validación se faga de contado. O desenvolvemento da compañía galega para o manexo e control dos fluxos de facturas a través de trebellos móbiles iPad e iPhone permítelle á dirección de Estrella Galicia ter a man, en todo intre e dende calquera lugar, a aplicación. Con isto, pódense aprobar ou rexeitar estes documentos a través de catro pantallas no dispositivo, unicamente. Nestes intres, arredor de 40 directivos están a tirar proveito das vantaxes do novo sistema.
En opinión de Carlos Figueiras, director de TIC de Estrella Galicia, logo dos traballos despregados pola dita compañía tecnolóxica galega, “os directores traballamos agora máis rapidamente, podemos desfacernos das tarefas rutineiras con facilidade, permitindo o emprego do noso tempo na xeración de valor e estratexia para o negocio”.

PUBLICIDADE