Este sábado inaugúrase nas Pontes o Centro de Arte e Creación Dixital de Amigus Labs

martes, 8 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Volven, malia que nunca se foron, as quedadas argalleiras da Asociación Amigus (os obradoiros Amigus Labs). Desta volta, estamos a falar dunha cita prevista para o 12 de outubro, con motivo da inauguración do Amigus Labs Centro de Arte e Creación Dixital, así como do Fab Lab As Pontes (na praza do Hospital das Pontes, no número 14).
A organización quere acadar a máxima participación, polo que xa enviou un chamamento para asistirmos a esta “xornada de portas de abertas” que servirá para “dar a coñecer o novo espazo de máis de 200 metros cadrados” así como os proxectos que se están a realizar ao abeiro dos Amigus Labs ao longo deste ano (proxectos de electrónica, robótica e prototipado ou arte, “todo ligado a Industria 4.0”).
Asemade, na cita, aproveitarase para poñer o foco nas vantaxes do uso de software e hardware libre, así como nas futuras actividades que se van realizar dende Amigus. “É para nós a oportunidade de ter un sitio onde innovar e levar a cabo proxectos que doutra forma non serían posíbeis”, sinalan dende a asociación, engadindo que a xuntanza-presentación deste sábado desenvolverase en horario de mañá e de tarde, comezando (dende as 11.00 en adiante) por un obradoiro de balde sobre deseño vectorial usando Inkscape, un software libre de vectores gráficos de calidade profesional para Windows, Mac VOS X e GNU/Linux.
Por certo que para asistir ao devandito obradoiro é obrigatorio rexistrarse no formulario que atoparemos ao remate da páxina do evento http://www.amiguslabs.org/amigus-labs-maker-19-3/.
Tódalas actividades realizaranse de 10:00 a 20:00, facendo unha parada para comer de 14:00 a 16:00. A inscrición é gratuíta, e o prazo remata o 11 de outubro. Podemos apuntarnos enviando un correo electrónico a amigus@amiguslabs.org (prazas limitadas).

PUBLICIDADE