Este sábado comeza a súa andaina na Coruña a Comunidade de Creadores de Contido en Galego

venres, 13 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Coa chegada da recta final de ano comeza a súa andaina unha nova plataforma creativa na cidade da Coruña, co engadido extra de facer gala dun compromiso firme coa xeración de recursos na nosa lingua. Estamos a falar da Comunidade de Creadores de Contido en Galego, a CCCG, que xorde, nas súas palabras, coa vontade de xuntar no concello da Coruña ás persoas que compartan os seus obxectivos de encher redes, servizos, ferramentas e programas con contidos na nosa lingua. O colectivo celebra este sábado a súa primeira xuntanza, no Centro Ágora ás 17.00 horas.
Segundo avanza a propia comunidade, trátase dun “espazo aberto, plural, de balde”, dirixido a persoas que queiran compartir experiencias e aprender de maneira colaborativa a xerar textos, vídeos, fotos, código ou calquera outro tipo de material, con independencia da súa idade, profesión ou nivel de coñecementos. Malia que non se pecha en exclusiva aos contidos dixitais, a plataforma arrinca con forza dando acubillo principalmente a blogueiras/os, youtubeiras/os e instagramers. Porén, terá cabida calquera persoa creadora de material en galego procedente doutros ámbitos.
A comunidade conta coa colaboración de Coruña Dixital, que vai apoiar a súa primeira cita deste sábado. A partir desta finde, está prevista a organización de xuntanzas mensuais na cidade para ir facendo medrar o colectivo.

PUBLICIDADE