Este sábado celébrase en Santiago a edición galega da conferencia NetCoreConf

luns, 23 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Esta fin de semana, o sábado 28, vaise celebrar na nosa terra a conferencia tecnolóxica NetCoreConf, a edición galega das xuntanzas do mesmo nome, dirixidas a estreitar as ligazóns de confraternidade e colaboración entre os membros da comunidade técnica arredor do novo framework de Microsoft, NetCore. O obxectivo destas xeiras de traballo é achegar solucións sobre as últimas tecnoloxías a través de charlas técnicas e obradoiros, poñendo o foco no marco de traballo da multinacional de Windows.
Tralo éxito acadado na cidade de Barcelona, a comunidade deu o chimpo á nosa terra e o seu próximo evento será como dixemos este 28 de setembro de 2019, no Centro Socio Cultural de Santa Marta de Santiago de Compostela. Trátase, en palabras da organización, “dun evento a nivel estatal adicado exclusivamente ao sector do desenvolvemento e consultoría e que busca descubrir e dar a coñecer as novas tecnoloxías de vangarda e crear vencellos estratéxicos que xeren sinerxías conxuntas entre os profesionais do sector, empresas e institucións”.
Na cita participarán membros do sector TIC de Barcelona e Galicia, unindo lazos e intercambiando experiencias e achados. A xornada será de acceso totalmente gratuíto, apoiada por diferentes empresas e asociacións, co fin de achegar a tecnoloxía e últimas tendencias do desenvolvemento de software ao interese común de todo o sector da nosa terra e de toda a Comunidade por enteiro.
Esta edición acollerá a máis de 150 asistentes entre profesionais do sector, estudantes e emprendedores. Trátase, en palabras da organización, “dunha oportunidade única de ver a relatores de referencia nacional en Galicia”. O programa incluíra 21 relatorios divididos en 3 recantos de traballo en rede. As principais temáticas serán tecnoloxía, desenvolvemento de software e solucións ás novas tendencias en materia de desenvolvemento web, desenvolvemento de aplicacións, computación na nube, análise de información a gran escala (Big Data), Intelixencia Artificial (IA), Internet of Things (IoT), DevOps, cultura de empresa, metodoloxías, etc...

PUBLICIDADE