Este sábado 3 de xuño temos unha kata de Python na Industriosa (Vigo)

xoves, 1 de xuño do 2023 S. P.

Este sábado 3 de xuño, en horario de 11.00 a 12.30 horas, imos ter en Vigo, na sede da Industriosa, unha nova kata de Python. Trátase novamente dun evento con formato informal, aberto a calquera persoa que se anime a participar e compartir unha hora e media de Python, café e/ou té. Inspiradas nos katayunos, dojos e actividades semellantes, as katas da Industriosa teñen un metodoloxía de grupos de entre dúas e tres persoas para resolver un reto de programación, compartir e mellorar as nosas habilidades de Python.
Nestas xeiras de traballo proponse resolver un reto durante 90 minutos, “desenvolvéndoo iterativamente e co obxectivo de aprender novos enfoques do problema”, explican dende a organización, engadindo que para abordar os desafíos botarase man de ferramentas como LeetCode ou Hackerrank.
As edicións das katas anteriores están xa subidas á Rede para ser consultadas por calquera persoa interesada en participar.
“O único que necesitamos é acudir co desexo de compartir e aprender. Non é esencial traer un portátil e tampouco e imprescindíbel instalar Python xa que traballaremos en recursos online”, engaden dende A Industriosa.
Como dixemos, a participación é gratuíta. Podemos obter máis información ou formalizar o rexistro a través de Meetup.
Trátase dun evento organizado por A Industriosa e coa colaboración de Python Vigo e patrocinado por Xunta de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).
Para quen non o saiba, Python é unha linguaxe de programación amplamente utilizada nas aplicacións web, o desenvolvemento de software, a ciencia de datos e o Machine Learning (ML). Os desenvolvedores utilizan Python porque é eficiente e doado de aprender, ademais de que se pode executar en moitas plataformas diferentes.