Este mes estrearase en España o móbil Samsung GALAXY Chat

mércores, 4 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Atendendo á necesidade de poder introducir texto con axilidade e precisión de cara á comunicación a través de Twitter, Whatsapp e outras plataformas, Samsung Electronics anuncia que este mes vai estrear en España o novo terminal Samsung GALAXY Chat, que combinan nun único dispositivo un teclado QWERTY, unha pantalla táctil de 3 polgadas e o sistema operativo Android 4.0.
Este novo terminal, que se estreará comercialmente en España, integrará os servizos de comunicación ChatON de Samsung, a plataforma de xogo Game Hub e a tecnoloxía de compartición multimedia AllShare Play. Tampouco esquece a produtividade, incluíndo Quick Office para pode editar documentos de Word, Excel e PowerPoint dende o móbil, e a aplicación S Planner que axuda á organización da nosa axenda dun xeito doado e intuitivo.
No tocante ás súas especificacións, o Samsung GALAXY Chat conta cunha cámara de 2 Mpíxeles, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), Wi-Fi N, USB 2.0, Bluetooth 3.0, batería de 1.200 mAh, unhas medidas de 118,9 x 59,3 x 11,7 milímetros e un peso de 112 gramos.
Polo momento non detallan nin o operador que distribuirá o terminal nin o seu prezo, que din que será moi competitivo, polo que podemos agardar un dispositivo bastante atractivo para usuarios que gocen de terminais tipo BlackBerry que non queiran prescindir das posibilidades dos móbiles con Android.

PUBLICIDADE