Este 28 arrinca o Forotech, no que a galega Susana Ladra recibirá o premio Ada Byron
venres, 23 de outubro do 2020
Do
28 ao 30 de outubro (polo adiamento debido á crise da COVID-19), a
Universidade de Deusto celebrará a oitava edición de Forotech,
a Semana da Enxeñaría e a Tecnoloxía, un lugar de encontro de
universidades, empresas e estudantes para aproximar distancias entre
unhas e outras e tender pontes tecnolóxicas, tamén, coa cidadanía.
Outro dos obxectivos será o de fomentar as vocacións cara á
investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, especialmente entre
as mulleres.
Entre
outras actividades, acollerá a entrega do premio internacional Ada
Byron á Muller Tecnóloga, edición española, que este ano, na súa
modalidade Joven, irá
dar a mans da galega Susana Ladra. O obxectivo deste galardón é
visualizar o traballo feminino no eido científico e tecnolóxico,
ademais de achandar o terreo para as mozas que se animen a seguir
unha carreira STEM.
- Susana Ladra nunha imaxe cedida pola CRTVG
O
xoves, día 29, terá lugar a cerimonia de entrega do premio Ada
Byron, que este ano volve contar con dúas premiadas: categoría
sénior (que este ano cumpre a súa sétima edición) e categoría
joven para menores de 35 anos, creada o ano pasado. A
vencedora na primeira modalidade foi a sevillana Laura Lechuga,
licenciada en Ciencia Químicas e directora do Grupo de Biosensores e
Aplicacións Bioanáliticas no Instituto Catalán de Nanociencia e
Nanotecnoloxía (ICN2), amais de coordinadora dun dos proxectos
europeos para o estudo da COVID-19.
Pola
súa banda, a gañadora do premio para mozas é a galega Susana Ladra
González, enxeñeira e doutora en Informática, e graduada en
Matemáticas, amais de investigadora do Centro de Investigación TIC
da Universidade da Coruña e vicepresidenta do Colexio Profesional de
Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
O
acto da entrega dos premios celebrarase no Paraninfo da Universidade
de maneira semipresencial á vez que será retransmitido en streaming
en liña.
Unha
das novidades de Forotech 2020 é LabsLand,
unha nova firma innovadora que proporciona acceso a laboratorios
educativos reais para colexios e universidades, por medio de
Internet. “Coa súa tecnoloxía”, informa a Universidade de
Deusto, “é posíbel que centros escolares e universidades ao longo
do planeta poidan remotizar os seus equipamentos e facer que estean
dispoñíbeis en liña,, para toda a Rede”. Este proxecto dun
antigo alumno da Universidade de Deusto posúe laboratorios en 14
países de todos os continentes. No marco de Forotech 2020, a
competición LabsLand permite a colexios (tanto de Bizkaia e Gipuzkoa
como de distintos países de Latinoamérica) apuntarse para que os
estudantes aprendan conceptos básicos de programación e robótica e
proben os seus códigos en robots reais controlados desde a súa
casa, pero situados en Bilbao, Sudáfrica, Costa Rica ou Colombia.