Esta primavera teremos a experiencia de VR Vader Immortal para Oculus Quest

venres, 12 de abril do 2019 Marcus Fernández

No marco da Star Wars Celebration de Chicago, aparte de estrear o tráiler de Star Wars: Episodio IX, tamén deron detalles dunha nova aventura da franquía galáctica titulada Vader Immortal: A Star Wars VR Series, ou sexa, que teremos unha experiencia de realidade virtual en tres entregas enfocado na figura de Darth Vader que será un dos grandes reclamos para os cascos de realidade virtual autónomos Oculus Quest que sairán á venda esta mesma primavera.
Esta nova historia permitirá que esteamos cara a cara fronte a Darth Vader, pero non se limitará a ser unha película en realidade virtual que consumir de xeito pasivo, senón que poderemos formar parte da historia, que no seu primeiro episodio terá unha duración de entre 45 e 60 minutos, o que dá unha idea do ambicioso que é este proxecto no que non faltará o Lightsaber Dojo, ou sexa, unha experiencia independente na que poderemos xogar a manexar espadas de luz.
Aínda que Vader Immortal está a anunciarse como un xogo de lanzamento para Oculus Quest, hoxe detallaron que esta experiencia non vai limitarse só ao novo casco de realidade virtual, senón que estará dispoñible para toda a familia Rift. Non detallaron a data de lanzamento do xogo previsiblemente porque depende da data de saída de Oculus Quest.

Novo tráiler de Vader Immortal

PUBLICIDADE