Essential prepara smartphones estreitos

mércores, 9 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Andy Rubin, considerado o pai de Android, tras abandonar Google embarcouse en Essential, compañía que comercializou un smartphone con atractivas prestacións e un deseño revolucionario (introduciu a pestana superior central que agora presenta numerosos smartphones), que foi un fracaso comercial, de aí que tivese que reducir drasticamente o seu prezo. Pero a compañía non deu a batalla por perdida, e está a traballar no Project GEM, un novo dispositivo que sería toda unha revolución no contorno móbil ao adoptar un formato semellante ao dun mando a distancia dun televisor.
O novo smartphone de Essential, actualmente en fase de probas, tería un ancho moi inferior ao que estamos afeitos, o que fai que a relación de aspecto da súa pantalla sexa extrema (máis esaxerada incluso que o 21:9 dalgún móbil de Sony), o que supón certo traballo na súa interface para que o produto sexa práctico e, aínda que está claro que para realizar chamadas telefónicas non tería problema, para teclear en pantalla, ver vídeo ou empregar aplicacións como Instagram non parece o trebello ideal.
Chegará esta proposta ao mercado? Conseguirá Essential a viabilidade comercial apostando por propostas revolucionarias afastadas do que ofrecen fabricantes asiáticos moito máis competitivos en prezo?