España ten máis do dobre de liñas de fibra óptica que de ADSL

venres, 25 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) publicou os datos relativos ás telecomunicacións en España o pasado mes de novembro, constatando a evolución que está a ter a banda larga fixa, que chegou até un total de 14,8 millóns de liñas, destacando a caída dos DSL e o cable (HFC) e o crecemento da fibra óptica (FTTH), de xeito que actualmente habería máis de 8,4 millóns de liñas FTTH en España, das que 3,9 millóns corresponderían ao operador Movistar, mentres que o DSL, que até hai pouco era a principal tecnoloxía de banda larga no fogar, dende outubro nin sequera chega aos 4 millóns de liñas.
Facendo balance anual, as liñas FTTH medraron en 2 millóns, mentres que o DSL cae en 1,3 millóns de liñas, constatando que a evolución na implantación da fibra óptica é moi positiva, o que supón unha grande mellora na calidade do servizo para os consumidores, principalmente por manter unhas velocidades de acceso sen grandes discriminacións xeográficas (mentres que coa tecnoloxía DSL a distancia de cada fogar á súa central correspondente afecta seriamente á velocidade de acceso subministrada).
No que á compañía que subministra o servizo, o 89,4% das liñas concéntrase nos tres principais operadores (Movistar, Orange e Vodafone), mentres que no mundo da telefonía móbil os operadores alternativas teñen máis peso e o Grupo MásMóvil conseguiu un digno 11,51% das liñas e o resto de OMV acumulan un 8,87%.

PUBLICIDADE