Escape Dead Island preparará o camiño para Dead Island 2

martes, 1 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Deep Silver anunciou hoxe Escape Dead Island, un xogo de supervivencia en terceira persoa para un xogador que nace da saga Dead Island, pero que non será realmente unha secuela da saga, senón un título ambientado nese universo, facendo un enfoque diferente sobre a historia, e situándose entre os xogos Dead Island e o recentemente anunciado Dead Island 2 (previsto para a primavera de 2015). A nova aventura está a ser desenvolvida por Fatshark Sweden, ten previsto o seu lanzamento para Xbox 360, PlayStation 3 e PC o vindeiro outono e destaca especialmente pola súa aparencia gráfica, que foxe do realismo para apostar polo cel shading.
Este novo xogo de misterio e supervivencia levará ao seu protagonista, Cliff Calo, a visitar Banoi para documentar os eventos inexplicados que alí aconteceron durante a primeira entrega da saga, para descubrir que non todo é o que parece, permitindo explorar as orixes da infección zombi.
Pese a ter un enfoque diferente aos xogos principais, Escape Dead Island contará tamén con combates masivos e cun amplo repertorio de armas na liña do que xa vimos en Dead Island, e servindo así para preparar o terreo de cara a Dead Island 2.
Este non será o único xogo da saga que veremos nos vindeiros meses, senón que tamén están a preparar Dead Island Epidemic, un xogo de areas multixogador competitivo (MOBA) para PC que adoptará a fórmula do free-to-play, no que 3 equipos de 4 xogadores deberán competir polos recursos e para sobrevivir ás hordas de mortos viventes.

O xogo contará con intensos combates


Vídeo de presentación do xogo de Fatshark Sweden

PUBLICIDADE