Epic Games derrota a Apple xudicialmente nos EE.UU.

mércores, 30 de abril do 2025 Marcus Fernández

Imaxe coa que Epic Games criticaba os abusos de Apple parodiando o primeiro spot publicitario da compañía da mazá

Un tribunal federal dos Estados Unidos ditou unha sentenza contundente contra Apple polo seu comportamento anticompetitivo na App Store, tras considerar que a compañía incumpriu de forma intencionada unha orde xudicial emitida en 2021. A xuíza Yvonne Gonzalez Rogers ditou este martes que Apple violou de xeito deliberado a medida cautelar que pretendía poñer freo ás prácticas monopolísticas da empresa na súa tenda de aplicacións.
Na resolución, de 80 páxinas, a xuíza acusa Apple de frustrar os obxectivos da orde mediante a imposición de novas taxas e obstáculos que continuaron dificultando a competencia. Ademais de sancionar a compañía, remitiu o caso á Fiscalía dos Estados Unidos para unha investigación penal por desacato ao tribunal.
O litixio remóntase a 2020, cando Epic Games demandou Apple polas comisións e restricións impostas na App Store. A xuíza sinala que Apple actuou para preservar milleiros de millóns de dólares en ingresos, disfrazando como cumprimento o que na realidade era un intento coordinado de burlar a orde xudicial. Documentación interna e testemuños revelaron contradicións evidentes coas declaracións públicas da empresa.
Segundo a sentenza, o vicepresidente de Finanzas, Alex Roman, mentiu baixo xuramento. Mentres Phil Schiller, membro destacado da empresa, defendía cumprir a orde, o conselleiro delegado Tim Cook decidiu apoiar o equipo financeiro liderado por Luca Maestri para manter os ingresos, desoíndo as indicacións do tribunal. «Cook escolleu mal», escribiu literalmente a xuíza Gonzalez Rogers.
Entre as prácticas censuradas, o tribunal prohibiulle a Apple seguir cobrando unha comisión do 27 % polas compras externas e ordeoulle cesar de inmediato as interferencias na comunicación entre desenvolvedores e usuarios sobre métodos de pagamento alternativos.
A xuíza criticou duramente o uso de pantallas de aviso a pantalla completa (alcumadas scare screens) para disuadir os usuarios de abandonar o sistema de pagamentos da App Store, a obrigatoriedade de empregar ligazóns estáticas (non dinámicas) para métodos alternativos e a política de seguir reclamando comisións por compras realizadas fóra da App Store.
Estas decisións de deseño foron, segundo o tribunal, deliberadamente pensadas para dificultar o proceso e limitar a conversión de usuarios, socavando a intención orixinal da orde: permitir unha competencia real no ámbito dos pagos dixitais. «A resposta de Apple desafía toda credibilidade», concluíu a xuíza, describindo o comportamento da empresa como un intento evidente de esquivar a autoridade xudicial.

Volve Fortnite ao iPhone nos EE.UU.

Poderiamos estar ante o remate dun conflito que xa leva 4 anos, 4 meses e 17 días, como apunta Tim Sweeney, director xeral de Epic Games, quen tamén asegura que grazas á nova sentenza xudicial Fortnite volverá á App Store para iPhone nos EE.UU. a semana que vén, e apunta que se Apple traslada as medidas impostas xudicialmente nos EE.UU. ao resto do mundo Epic cesará os enfrontamentos xudiciais con Apple, o que sería o máis beneficioso para usuarios e desenvolvedores, xa que a fragmentación internacional das condicións das tendas de aplicacións provoca bastante confusión, e parece inevitable que en futuros litixios fóra de EE.UU. o resultado rematase concluíndo que Apple abusou da súa posición de poder.