Entregados os premios ao profesorado galego pola creación de novos contidos dixitais

martes, 15 de novembro do 2011 Raquel Noya

Os profesores e profesoras galegas que, no marco do Proxecto Abalar, decidiron botar unha man na implantación das TIC no ensino e crear contidos dixitais de seu para usalos nas aulas, veñen de obter o seu merecido recoñecemento da man da Xunta de Galicia, que fixo entrega hoxe dos seus Premios ao Desenvolvemento de Contidos Educativos Dixitais.
Trátase da primeira edición duns galardóns creados para recoñecer o traballo desenvolvido por mestres e mestras galegas na elaboración de novos contidos didácticos e que, ao mesmo tempo, tentan promover a creación de máis materiais dixitais para usar nos centros educativos galegos.
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, foron os encargados de entregar os galardón desta primeira edición, que premiaron un total de 9 proxectos.
Na categoría de terceiro ciclo de educación primaria outorgouse un 3º premio ao proxecto Mates con Martín e Martina. El tesoro de la gruta. Operaciones con decimales, elaborado po Carmen López, do IES A Sangriña (A Guarda).
No tocante á categoría de primeiro ciclo de educación secundaria, na modalidade de Xeografía e Historia, resultaron galardoados con cuartos premios os proxectos ‘Climas do mundo’, de Alberte Xosé Méndez (CPI de Atios, Valdoviño); e ‘Forum Gigurrorum’, de José Luis Rodríguez (IES Cosme López Rodríguez, A Rúa).
Outros tres cuartos premios foron recaer á modalidade de Lingua castelá e Literatura, na que foron recoñecidos os traballos ‘El juego de la lengua’, de Jorge Pedrosa e Isabel Vázquez (IES de Teis e CEIP Eduardo Pondal, de Vigo); ‘La narración’, de Mª Isabel Blanco e Mª Consuelo Vázquez (IES nº1 e IES Manuel García Barros, A Estrada); e ‘Camino de leyendas’, de Antonio Frade (IES Poeta Díaz, Guitiriz).
Os terceiros premios foron para o proxecto de Lingua galega e literatura ‘Ortografía’, de Beatriz Real (IES de Sabón, Arteixo); e para o de Ciencias da Natureza ‘A atmosfera terrestre’, de Juan Vicente Poza e Mª José Mariño (IES A Basella, de Vilanova de Arousa e IES da Illa de Arousa).
O único proxecto que acadou o primeiro posto foi ‘Os peixes’, na modalidade tamén de Ciencias da Natureza, elaborado por José Carlos Vázquez, do IES Monte da Vila (O Grove).
Esta iniciativa forma parte do Proxecto Abalar, que tal e como lembrou Mar Pereira, non só trata de levar as novas tecnoloxías ata os centros de ensino galegos, senón que tamén pretende “fomentar a colaboración do profesorado na creación de novos contidos educativos dixitais” e formar a tódolos axentes do entorno educativo “para que poidan aproveitar ao máximo o equipamento e os recursos das aulas dixitais”.

PUBLICIDADE