Entregados en Lugo os galardóns da campaña de Nadal TIC do comercio de proximidade

venres, 24 de xaneiro do 2020 Redacción

Este venres entregáronse no Vello Cárcere de Lugo os premios da campaña Neste Nadal, o comercio local tamén dixital, unha iniciativa impulsada os pasados días festivos pola Federación Galega de Comercio con apoio económico (de 32.000 euros) da Deputación de Lugo. A campaña tivo o obxectivo de “fomentar as vendas no comercio de proximidade da provincia e reivindicar este sector como un motor fundamental da súa economía”.
Na gala de hoxe participaron o presidente da Deputación, José Tomé Roca, a deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas Jópez.
Durante a súa intervención, José Tomé felicitou aos premiados e premiadas, e destacou a importancia de mercar nas tendas de proximidade, en tanto que contribúen a xerar riqueza e emprego “nas nosas vilas e cidades”, e con iso, dixo, “axudan a algo tan necesario no noso rural, como é fixar poboación”.
Esta edición da campaña de dinamización comercial rexistrou 34.500 tíckets, o que supuxo un incremento dun 3% con respecto ao ano anterior. As compras realizáronse en 5.500 establecementos de 40 localidades da provincia e en total repartíronse 10.000€ en premios, que se distribuíron en 40 tarxetas prepago de 300 e 200€.
A campaña
A campaña presentouse a comezos de decembro na sede da Deputación de Lugo. Deuse a coñecer como “unha estratexia novamente ligada ás redes sociais e cun forte compoñente tecnolóxico” (animábase á participación integral da cidadanía a través dos seus móbiles e tabletas, seguindo o ronsel de éxito das anteriores edicións).
Na presentación, Tomé reivindicou os establecementos de proximidade por ser “un motor importante da economía da provincia”, en tanto que xeran máis de 20.000 empregos e representan en torno ao 13% do Produto Interior Bruto (PIB). Tamén salientou a vontade do sector por transformarse e aproveitar ao máximo as novas tecnoloxías para achegarse á cidadanía, renovarse e facerse máis rendíbel e competitivo.
A campaña foi dirixida aos consumidores co fin de fomentar o pequeno comercio a través da venta presencial e online.

PUBLICIDADE