Entregados catro drons para localizar incendiarios dende a base de Silleda

venres, 3 de xullo do 2020 S. P.

O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, estivo este 3 de xullo na base de helicópteros de Silleda para entregar catro drons aos axentes ambientais das brigadas de investigación de incendios forestais (BIIF), catro vehículos aéreos non tripulados cos que se poderá localizar incendiarios e mellorar a vixilancia preventiva, a detección e a extinción de lumes.
O director xeral sinalou que a Xunta contará este ano con 10 drons máis, que se sumarán aos dous do ano anterior, durante a tempada de alto risco de incendios, que comezou este mércores e que se vai prolongar até o 30 de setembro. Ademais, explicou que darán apoio ao traballo que desenvolven as BIIF en Galicia, dando servizo na medición e avaliación de superficies queimadas, e máis na detección de posíbeis incumprimentos en materia de xestión de biomasa ou distancias de plantación.
No acto de entrega destes aparellos, levouse a cabo unha pequena demostración do seu funcionamento e equipamento. Así, os vehículos aéreos estarán controlados mediante unha emisora cun alcance de 3,5 quilómetros de distancia. Deste xeito, incorporan un sistema anticolisión perimetral, con sensores frontal, inferior, traseiro, superior e lateral. O director xeral explicou que o tempo de voo está entre os 20 e os 30 minutos e que incorporan unha cámara dual con varios modelos de visualización de vídeo.

PUBLICIDADE