Entra na recta final o prazo para participar no programa Tech Angels do Clúster TIC

martes, 5 de decembro do 2023 S. P.

Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia

O venres 15 de decembro conclúe o prazo de recepción de candidaturas para participar na primeira edición do programa Tech Angels do Clúster TIC Galicia. Trátase, en palabras da agrupación empresarial galega que preside Antonio Rodríguez del Corral, “dunha pioneira iniciativa, posta en marcha a través dun convenio coa AMTEGA e o IGAPE que permitirá a emprendedores e startups de calquera sector produtivo acceder a tecnoloxías complexas, como a Intelixencia Artificial, e ao expertise de socios da entidade, que actuarán, precisamente, como Tech Angels”.
O obxectivo deste “programa de first dates para emprendedores”, en palabras do Clúster TIC, é brindarlles o impulso necesario para acelerar e optimizar os seus modelos de negocio mediante a incorporación de solucións tecnolóxicas avanzadas que se aliñen coas súas necesidades específicas, dende software a hardware, pasando por aplicacións, plataformas dixitais e calquera ferramenta que poida contribuír a potenciar os seus proxectos.
Vindeiros pasos
Unha vez rematada a fase de inscrición de solicitudes, revisaranse as propostas presentadas e realizarase unha preselección, en base a criterios de calidade, orientación ao mercado e/ou nivel de madurez. As que cumpran os requisitos de participación, daranse a coñecer, como moi tarde, o 9 de xaneiro.
Logo desenvolveranse dous obradoiros de asesoramento en modalidade híbrida (telemática e presencial) para guiar ás startups e emprendedores na elaboración das súas presentacións ante os socios do Clúster TIC Galicia, que terán a posibilidade de actuar como Tech Angels destas candidaturas.
A partir de aquí, formalizarase unha alianza estratéxica entre ideas empresariais e líderes tecnolóxicos que comprenden a complexidade que supón a adaptación e transformación dixital no mundo dos negocios. Ademais de aportar o seu coñecemento, experiencia e de exercer como guías en cada paso do proceso, os Tech Angels ofreceranlles asesoramento e a posibilidade de ampliar a súa rede de contactos.
“Baixo a súa tutela experta e o apoio continuo”, explica o Clúster TIC, “os emprendedores e startups estarán equipados para navegar con destreza polo ecosistema dixital, capitalizando as súas innovacións para manterse á vangarda nun contexto de continua evolución tecnolóxica”.
Máis aló dun impulso inicial, o programa establece un compromiso duradeiro, onde o Tech Angels segue involucrado cos negocios, asegurando que a medida que crezan e evolucionen, adaptará as solucións tecnolóxicas para garantir a súa innovación constante.
Con esta iniciativa, o Clúster TIC Galicia busca consolidar o tecido emprendedor tecnolóxico galego, con especial énfase en promover a integración, desenvolvemento e crecemento de startups no ecosistema dixital galego, garantindo así a súa evolución constante, adaptada ás necesidades actuais.

PUBLICIDADE