Enslaved será o novo xogo de Ninja Theory

mércores, 30 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Namco Bandai anunciou oficialmente que o equipo de Ninja Theory está a desenvolver o xogo Enslaved, que chegará a PlayStation 3 e Xbox 360 en 2010, o que é toda unha sorpresa, pois non se sabía nada dos autores de Kung Fu Chaos (Xbox) e Heavenly Sword (PS3).
Enslaved é un xogo de acción e aventura táctica ambientado nun futuro post-apocalíptico (dentro duns 150 anos) no que manexaremos a un par de personaxes, Monkey e Trip, que están ligados de xeito que se a segunda morre, o primeiro tamén falece, polo que deberán colaborar para a súa supervivencia, movéndose por un mundo hostil no que atoparán inimigos perigosos.
O xogo é bastante ambicioso, contando no seu equipo con profesionais coma Andy Serkis (intérprete de Gollum nas películas de O Señor dos Aneis), Nitin Sawhney (compositor da banda sonora de máis de 40 películas) ou Alex Garland (autor do guión de 28 Días Después).

O xogo está ambientado nun futuro post-apocalíptico no que hai que facer fronte a múltiples perigos

PUBLICIDADE