En marzo activarase un programa para captar talento dixital entre os galegos no exterior

martes, 18 de febreiro do 2020 Redacción

O vindeiro mes de marzo activarase a canle Retorna Dixital, un espazo dentro do portal Retorna da Xunta, que busca captar talento entre os galegos do exterior para o sector tecnolóxico. Así o explicaron esta mañá a directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o secretario de Emigración, Antonio Rodríguez, durante a xuntanza de traballo que mantiveron coas empresas asinantes do Pacto Dixital e o Clúster TIC galego para explicarlles os detalles da iniciativa.
A canle Retorna Dixital, que se xestionará dende a Oficina Retorna, permitirá que as empresas adheridas publiquen as súas ofertas de emprego tecnolóxico, ás que calquera galego ou galega do exterior poderán remitir o súa solicitude. A Oficina Retorna coordinará esta canle de contacto directo entre o sector dixital e os interesados en retornar a Galicia, e que complementará cos seus servizos de acompañamento ao retornado.
Ademais das empresas adheridas, que asumen o compromiso de publicar as súas ofertas laborais, o portal disporá dun directorio de empresas tecnolóxicas que os profesionais interesados en retornar a Galicia poderán consultar e contactar directamente.
As empresas asinantes do Pacto Dixital Indra, Everis, Iecisa, Televés, R Altia, Coremain, Telefónica, Vodafone, DXC e o Clúster TIC Galicia xa figuran como empresas adheridas e a iniciativa Retorna Dixital está aberta á incorporación de calquera outra empresas tecnolóxica que así o solicite.

PUBLICIDADE