En marcha unha web para impulsar a sustentabilidade nos concellos: a páxina Mellor reparar que tirar

venres, 22 de maio do 2020 S. P.

Esta semana púxose en marcha unha nova páxina web galega que quere ser un referente de sustentabilidade e economía circular: unha fronte informativa e activa contra a cultura de usar e desbotar materiais e produtos que impón unha parte da sociedade de consumo. Estamos a falar da páxina Mellor reparar que tirar, posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente para “impulsar a colaboración entre as entidades locais e os axentes económicos e sociais para intercambiar coñecementos e contribuír a reparación e reutilización de materiais”. Trátase, sinalan, “dun novo pulo á Rede Galega de PxR”, ou sexa, á Rede Galega de Previr para Reciclar.
Dende ela, farase un convite xeral (á par que específico) a todas as entidades locais galegas para pór en marcha proxectos de preparación para a reutilización e reparación na súa localidade, achegándolles os recursos para facelo e máis unha canle de divulgación, a través da devandita páxina web, que tamén é unha ferramenta de busca de colaboradores e sinerxías. Segundo informa Medio Ambiente, “trátase dun espazo multidireccional posto que, ademais das iniciativas municipais, todas as entidade interesadas poderán publicar as súas ideas e proxectos”.
Amais deste recurso web, a consellería convocou unha liña de axudas para fomentar a activación de iniciativas de prevención da xeración de residuos. Tratase dunha orde de axudas dirixida a entidades locais e agrupacións de entidades de Galicia, cunha dotación de máis de 4 millóns de euros, para o desenvolvemento de actuacións en materia de xestión de residuos municipais, entre as que destaca a creación e/ou a adaptación de espazos municipais destinados á preparación para a reutilización de materiais; actuacións que poden conseguir ata o 100% de financiamento.
Segundo lembra Medio Ambiente, este tipo de iniciativas teñen xa un referente galego no concello de Valga, en Pontevedra, onde o Centro Ocupacional de Discapacitados (CODI) converteuse nun espazo municipal de reparación e intercambio de enxoval, obxectos e outros materiais, coa habilitación tamén de obradoiros formativos e de sensibilización para a cidadanía.

PUBLICIDADE