En marcha unha oficina para informar a empresas e cidadáns do Plan de Banda Larga

luns, 1 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización

O plan actual da Xunta para levar as redes de alta capacidade a tódolos recantos da nosa terra conta xa cun instrumento de comunicación ao servizo da cidadanía e orientado a resolver tódalas dúbidas que poidan xurdir sobre o devandito programa. Esta iniciativa específica, do mesmo xeito que o propio programa no que se insire, vén da man da Secretaría Xeral de Modernización. A Oficina do Plan de Banda Larga, así se fai chamar, encamíñase (máis polo miúdo) a ofrecerlles aos operadores e axentes implicados asesoramento e soporte técnico no desenvolvemento de proxectos e á sociedade por enteiro “unha resposta rápida á demanda de datos sobre o plan, tanto sobre a implantación das novas redes como sobre posibles incidencias”, sinala o dito departamento da Xunta nun comunicado.
Por certo que o centro de información, engádese, non se limitará unicamente a comunicar detalles sobre o labor de despregamento, senón que tamén exercerá de eixe visible de operacións, elemento coordinador das distintas accións derivadas do plan. A idea disto é achegar “unha visión global” do proceso, así como favorecer o impulso “homoxéneo” das actuacións dentro dos prazos e orzamentos previstos. A Oficina tamén terá feitura de emprazamento para a redución de riscos.
Tanto cidadáns como axentes implicados no despregamento da banda larga poden solicitar información a través do teléfono 981 95 78 68, en horario de 9:00 a 15:00h de luns a venres, e por correo electrónico.

PUBLICIDADE