En marcha a web que dá conta da apertura da Porta Santa

xoves, 31 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

Finalmente, a apertura da Porta da Santa que marca o comezo do Ano Xacobeo 2010 (que terá lugar hoxe na Catedral de Santiago ás 16.30 horas, acompañado do tanguer de mil campás das igrexas da Arquidiocese compostelá) estase a reflectir tamén no eido virtual, concretamente, e para ir abrindo boca, na web puertasanta2010.com, páxina que como o seu propio nome indica non inclúe versión en galego (malia ser, cremos nós, un dos primeiros pasos que cumpriría dar) e que vén da man do Arcebispado para achegar durante todo o ano 2010 un resumo exhaustivo da dita cerimonia de apertura.
Por certo que a cerimonia non é un acto calquera: dáse a casualidade de que non volverá a repetirse até dentro de once anos.
A web, que conta co apoio do Xacobeo 2010 e do Concello de Santiago (de aí que nos chame máis a atención a ausencia total da nosa lingua) traza un percorrido moi visual (sen descartar a inclusión de textos sobre o proceso, a historia do Xacobeo e da propia Catedral) pola cerimonia de benvida do Ano Santo que se desenvolve hoxe, incluíndo imaxes da Porta Santa e do seu emprazamento na Praza da Quintana, os pasos dos que se compón a apertura (introdución, rito litúrxico de apertura e máis misa de acción de grazas), o programa da apertura (recepción, procesión), textos de variada índole sobre o rito, oracións, cantos, salmos, saúdos do arcebispo e do Papa, etc.

PUBLICIDADE