En marcha a plataforma SmartWood: o remedio TIC para o abandono das parcelas rurais

luns, 15 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

O proxecto SmartWood, unha iniciativa de investigadores da USC (Campus de Lugo) para achegar unha ferramenta dixital que nos axude a saber que facer con terreos forestais que non están a ser explotados (ou que non teñen o rendemento axeitado), xa está a pleno rendemento e con plataforma de seu, dispoñíbel en www.smartwood.app. E faino logo de meses de funcionamento en probas e despois de recibir diversos recoñecementos (como por exemplo o primeiro premio da Greenweekend, do que falamos recentemente en Código Cero). Así nolo comunicaron os responsábeis da iniciativa, os impulsores da empresa Aleutos S.L, empresa de consultoría centrada en asesoramento e deseño de ferramentas adaptadas ás necesidades de dixitalización do rural.
Volvendo a SmartWood, é unha aplicación de balde e aberta cuxo software permite localizar as parcelas rurais e a súa optimización, avaliando cal pode ser o mellor destino das mesmas, os traballos precisos, os cultivos máis axeitados e, “o máis importante”, a quen, como, cando e por canto se poden encargar traballos nelas, sinalan os responsábeis de Aleutos, engadindo que SmartWood vén cunha serie de vantaxes extra: é rápida, permite traballar dende calquera lugar e facelo a través do móbil.
“Pretendemos que con SmartWood o propietario teña centralizados e no seu teléfono todos os datos que require para manter produtiva a súa parcela, desde saber onde se atopa localizándoa no mapa, até saber que plantar e cal será o custo dos traballos programados, amais de permitirlle a contratación de todos os traballos precisos dunha maneira cómoda e rápida”, sinalan os seus creadores, explicando que estes procesos buscan poñer doadas as cousas aos propietarios e “aumentar o número de predios que pasan de estar nun grave risco de abandono a ser aproveitábeis con producións agrícolas e forestais rendíbeis”.
De forma máis concreta, SmartWood posibilita a uns e outros (tanto a donos como xestores de parcelas forestais) coñecer as especies que están permitidas plantar nas explotacións segundo a normativa vixente. O proceso, segundo indican dende Aleutos, é moi sinxelo, e do que se trata é de introducir a referencia catastral ou localizar a parcela a través da vista de mapa para logo obter a listaxe de especies forestais permitidas nese emprazamento, así como as distancias de protección que deben deixar en función da zona na que se atopan, ou se é preciso solicitar algún tipo de permiso previo para realizar a plantación en caso de situarse en zonas de especial protección.
Ademais, unha vez elixida a especie, a aplicación asesora sobre a axeitada configuración da plantación, así como sobre os traballos de mantemento a realizar, á vez que elabora un estudo de viabilidade con todos os puntos de información precisos para avaliar a decisión de realizar a plantación ou non.
SmartWood non só se aplica no medio forestal, senón que tamén ten funcionalidades para agricultura a través do seu portal web, no que a través dun Sistema de Información Xeográfica online, os agricultores e gandeiros poden ter centralizadas todas as súas explotacións, de forma que mediante a súa monitoraxe con imaxes satélite e drons poden acceder “a información veraz e real” de como se atopa a súa produción ou se están afectadas por algún tipo de praga que faga descender a fortaleza do cultivo e, polo tanto, a súa produción.
A última funcionalidade de SmartWood (esta máis centrada en gandaría) é a posibilidade de acceder a un caderno dixital de pastoreo, para levar ao día o caderno de agroambientais da PAC, sempre dispoñíbel ademais no smartphone do gandeiro e consultábel e editábel desde calquera dispositivo (tamén desde a web).
Aleutos S.L. é unha empresa constituída a mediados de 2018 e que se está a desenvolver desde o viveiro de empresas da Fundacion CEL Iniciativas por Lugo. Os emprendedores que a conforman son José Luís Gude, enxeñeiro en Xeomática e Topografía e director executivo do proxecto; Begoña L. Castro, enxeñeira técnico industrial e licenciada en Química e xefa de operacións e Siro González, enxeñeiro informático e xefe de tecnoloxía.

PUBLICIDADE