En marcha Mercarianxo.gal, o portal de venda online do comercio rianxeiro

xoves, 26 de novembro do 2020 S. P.

A Asociación de Empresarios de Rianxo informou de que xa está en marcha o portal de comercio electrónico do tecido empresarial rianxeiro: a plataforma de venda en liña Mercarianxo.gal, posta en marcha en colaboración coa Xunta, a Deputación da Coruña e máis o Concello. Segundo indicaron a ARE e máis o Goberno local, a plataforma dará acubillo e servizo a calquera establecemento con sede fiscal no municipio, achegándose como un recurso extra para avanzar na transformación das empresas cara a nova realidade (unha realidade con presenza cada vez maior das novas ferramentas comerciais) e, tamén, para achandar o terreo da recuperación e a revitalización no actual contexto de crise sanitaria e económica. As persoas usuarias do portal poderán mercar nas distintas tendas que operen na plataforma e solicitar o envío ao domicilio de seu ou ben optar por recoller o pedido no establecemento.
Mercarianxo.gal salienta por achegar catro importantes vantaxes para os establecementos: presenta menor gasto que unha web propia (a ARE e os técnicos encárganse do mantemento), inclúe asesoramento e axuda personalizada, constitúese como unha canle de venda adicional e permite ter abertas as portas (virtuais) dun establecemento os 365 días do ano.
A plataforma presentouse nos seus detalles o pasado mes de setembro, nun acto no que se fixo fincapé nos seus dous piares fundamentais: por unha banda a súa vertente de “gran escaparate virtual” e, pola outra, o servizo de marketplace que pon a disposición dos establecementos e clientes.
O escaparate virtual vai permitir que tódolos negocios de Rianxo estean localizados nun mesmo dominio a través do cal poidan amosar e promover produtos e servizos, novidades, ofertas ou promocións especiais, etc. “A finalidade deste escaparate virtual”, sinalaron a ARE e máis o Concello, “é facilitar a localización de empresas, produtos e/ou servizos por parte dos rianxeiros co obxectivo de que busquen aquilo que precisan nos negocios da vila antes de realizar as súas compras online ou fóra da vila”.
A outra vertente da plataforma é un marketplace que permitirá que aqueles comercios que o desexen poidan vender en liña os seus produtos “aumentando así as súas opcións de negocio e as súas ventas”. Nesta parte do proxecto terán cabida todo tipos de comercios, incluso a alimentación, e tamén a hostalería. Ademais, incluiranse os servizos de recollida de pedidos no propio establecemento e a entrega no domicilio.

PUBLICIDADE