En 2021 haberá novos móbiles 5G da marca BlackBerry

mércores, 19 de agosto do 2020 Marcus Fernández

A primeiros de ano deuse por feito que a marca de móbiles BlackBerry desaparecería completamente do mercado tras rexeitar TCL Communication Technology Holding Limited a renovar a súa licenza de fabricación, principalmente por non ter conseguido que os seus móbiles coa marca de orixe canadense puidesen facerse un oco significativo no mercado, de aí que sorprenda enormemente que OnwardMobility e FIH Mobile Limited decidisen asociarse para facerse coa licenza de BlackBerry e así poder desenvolver e producir novos móbiles BlackBerry que contarían con conectividade 5G e verían a luz en 2021.
O retorno de BlackBerry produciríase nos mercados europeo e norteamericano, e segundo o director xeral de BlackBerry, John Chen, OnwardMobility fará realidade smartphones BlackBerry 5G con teclado físico e o funcionamento seguro que caracterizaba á marca, buscando así atraer a usuarios corporativos e gobernamentais.
Resulta bastante difícil imaxinar un futuro no que a marca BlackBerry vaia ter un futuro comercial sólido, e o seu relanzamento podería quedar simplemente nunha boa campaña promocional como aconteceu coa recuperación de vellos móbiles de Nokia (actualizados), que conseguiron captar a atención dos focos pero na práctica resultaron irrelevantes e practicamente invisibles.

PUBLICIDADE