Empresas e particulares poderán presentar avais de maneira telemática

luns, 12 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Hoxe a nosa terra deu un novo e importante paso en materia de eAdministración, ou sexa, en materia de tecnoloxías postas ao servizo das administracións públicas e, sobre todo, das súas relacións coa cidadanía. O avance en cuestión foi impulsado pola Consellería de Facenda e as entidades financeiras ABANCA. BBVA e CaixaBank. Esta mañá as bancas asinaron un acordo con Facenda para incorporarse ao proceso de presentación telemática de avais na Xunta de Galicia, o que permitirá, en palabras do Goberno autonómico, “reducir custos e axilizar a tramitación”.
O convenio foi asinado en Santiago entre o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e os representantes das tres entidades: o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa; a directora rexional Noroeste de BBVA, Asunción Álvarez; e a directora da área de Institucións de CaixaBank en Galicia, María Jesús García.
Segundo explica Facenda, preténdese con esta alianza facilitar os trámites de empresas e cidadáns, poñendo o foco na presentación de avais perante a Administración autonómica (uns procesos que teñen unha media de 2.000 ao ano). Os avais, para quen o saiba, son os elementos que serven de garantía en contratacións públicas: un factor imprescindíbel de seguridade e eficacia. Até o de agora, estes procesos desenvolvíanse de xeito presencial na Caixa Xeral de Depósitos, ben nos servizos centrais en Santiago de Compostela ou ben nas delegacións territoriais da Xunta de Galicia (coa única excepción dos avais outorgados polas sociedades de garantía recíproca galegas, SOGARPO e AFIGAL). Co convenio asinado hoxe, a Xunta estende esta posibilidade aos clientes de ABANCA, BBVA e CaixaBank, que en conxunto representan máis do 40% dos avais presentados na Administración galega.

PUBLICIDADE