Empresas de Lugo avalían positivamente as posibilidades do programa dixital da Deputación

luns, 13 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Rodolfo Alonso Albella, de Pleiteando.com

A iniciativa Innova-Te da Deputación de Lugo inclúe entre outras accións a posta en marcha dunha plataforma dixital de Administración Electrónica a disposición dos seus concellos, a cidadanía e as empresas. A ferramenta, da que xa falamos nesta web para dar conta dos seus obxectivos (abranguer dixitalmente 66 concellos), achega certas boas perspectivas para o medre económico e tecnolóxico da provincia, segundo fai saber El Progreso a través de entrevistas con algúns dos profesionais TIC máis directamente implicados. Deste xeito, e tal e como indican dende Ittecno, estariamos ante un proxecto que reforzaría a confianza que sociedade e empresas teñen no dixital, contribuíndose a mellorar a comunicación e a xestión na actividade comercial e, tamén, a situar a Lugo máis preto dos grandes centros de actividade tecnolóxica. Isto ampliaría as posibilidades de pór en marcha proxectos de meirande envergadura.
Nesta mesma liña móvese Pleiteando.com, para quen unha das cuestións principais a resolver, tanto dende Innova-Te como dende calquera outra iniciativa, é a ausencia de conectividade nun bo número de empresas. De non haber banda larga, indícase dende o portal, é complicado chegar á xente. A este respecto, as potencialidades de servizos como o correo electrónico nos negocios son amplas, pero sempre e cando se acompañen estas medidas de iniciativas que garantan a seguridade e a protección legal. Tanto estas como outras empresas do eido provincial de Lugo demandan máis esforzo e máis coordinación entre institucións públicas para pórlle fin a outro problema de anos, relacionado co devandito: a fenda dixital que afasta ás contornas urbanas do rural.

PUBLICIDADE