Emporia Telecom busca ao seu seguidor máis lonxevo en Facebook

venres, 27 de abril do 2012 Raquel Noya

Cumprir anos é algo que cada día lle gusta menos a esta sociedade na que a engurra non é bela e na que aparentar menos anos dos que un ten é o obxectivo máis perseguido pola gran maioría da poboación.
Sen embargo, a fin de verlle o lado positivo a isto de envellecer (que o ten), a firma de telefonía Emporia Telecom está a buscar ao seu seguidor máis veterano en Facebook, para obsequialo cun terminal da compañía como agradecemento á confianza depositada.
Con esta iniciativa, que tamén se leva a cabo no Reino Undio, Irlanda, Eslovaquia, República Checa, Croacia e Alemaña, Emporia quere agradecerlle aos seus fans de maior idade a fidelidade á marca, conscientes segundo afirman, “de que o sector sénior é un dos seus públicos máis fieis” (lembremos que a compañía é líder no deseño e fabricación de teléfonos móbiles accesibles).
Para participar tan só hai que ser usuario de Facebook e facerse fan da páxina de Emporia antes do vindeiro 31 de maio, data na que remata o prazo para optar ao premio. No caso de saber que un non é veterano dabondo como para facerse co terminal sorteado, tamén se pode suxerir a outras persoas como as máis lonxevas da web, podendo así facerse cun accesorio para o móbil no caso de gañar a persoa suxerida.
Para acreditar a idade da persoa gañadora esta deberá enviar por correo electrónico a copia do seu DNI, polo que é recomendable que se absteñan os usuarios fraudulentos que non cumpran os requisitos de idade esixidos.

PUBLICIDADE