Elton John propón pechar Internet para salvar a música e as relación interpersoais

xoves, 2 de agosto do 2007 Matías Olazabal

O coñecido -e recoñecido- músico Sir Elton John non deixa de sorprender a seus seareiros. O artista, quen hai uns meses puxo a disposición do público toda a súa discografía para a descarga dende a rede (legal e pagando por ela, claro), vén de pedir agora que se “peche” a rede de redes, xa que a popularidade de Internet está a destruír a industria musical e as relacións interpersoais.
"Internet fai que a xente deixe de comunicarse e de atoparse, e evita que se creen cousas” dixo o inglés, segundo informan varios xornais en liña, e non conforme con isto engadiu que agora os artistas “sentan nas súas casas e crean os seus propios discos, que algunhas veces están ben, pero que no ten una visión artística a longo prazo".
Segundo o comentado polo sitio 10musica.com, as escasas vendas do seu último CD posto no mercado (100 mil copias) poderían ter influído nas declaracións do músico, quen tamén lle achacou á Rede un desgaste nas relacións interpersoais e propuxo como resposta ó fenómeno de Internet que “saiamos ás rúas, marchemos e fagamos protestas, en troques de sentar na casa e meternos nos blogs". Neste (segundo 10musica) exemplo de publicidade de balde só faltou que o home do piano engadira: “O blog é o opio dos pobos” e “industria musical ou morte” para un efecto nos medios aínda máis rechamante.

PUBLICIDADE