Eliminan numerosas contas falsas de Twitter, Facebook e Instagram asociadas ao Partido Popular

venres, 20 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos anos o rol que xogan as plataformas de redes sociais nos resultados electorais están a analizarse con lupa, e por iso son estas propias compañías as que están a predicar co exemplo, e toman medidas para evitar casos flagrantes de manipulación, á vez que buscan certa transparencia.
Nesta liña Twitter vén de facer pública unha relación de actuacións contra a manipulación na súa plataforma, e no caso español citan a eliminación de 259 contas tras identificar que, de xeito artificial, potenciaban a opinión pública en España. Aseguran que estas contas estaban «operadas polo Partido Popular», consistindo principalmente en contas falsas cun comportamento de spam que rechouchiaban para aumentar a interacción.
Casualmente hoxe mesmo Facebook tamén realizou un comunicado semellante, pero só relativo á España, no que aseguran que eliminaron 65 contas de Facebook e 35 de Instagram involucradas nun comportamento falso detectado polos sistemas automáticos de Facebook, e que tamén pretendían influír na opinión pública promovendo informacións apoiando ao Partido Popular e criticando aos seus opoñentes políticos.
A investigación de Facebook conclúe que as persoas detrás destas actividades están asociadas ao Partido Popular, aínda que as contas estiveron activas pouco tempo. Cando menos unha das contas de Instagram superou os 5.000 seareiros e as contas falsas realizaron un investimento en publicidade de Facebook duns 1.275 dólares.
Aseguran que esta investigación aproveitou información achegada por Twitter, ou sexa, que semella que estamos ante un mesmo caso.
Aínda que as redes sociais non se opoñen á propaganda política, si loitan ante a falsa de transparencia deste tipo de publicidade, así como contra a manipulación informativa, aínda que cada vez teñen máis difícil manter este compromiso que contraeron despois de escándalos como o de Cambridge Analytica.
Cómpre salientar que, aínda que os partidos políticos tendan a negar tal práctica, considérase habitual o uso de contas falsas para procurar conducir a conversa en redes sociais, e téñense detectado casos en case todas as formacións políticas de xeito global.

PUBLICIDADE