Elgato presenta un pedal para controlar os directos sen usar as mans

martes, 25 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Nos últimos anos Elgato comercializou varios modelos do panel con teclas personalizables Stream Deck, que buscan facilitar o control durante as retransmisións de vídeo en directo, e aos que está a incorporarse un novo accesorio que resulta especialmente rechamante por adoptar un formato completamente diferente: o Stream Deck Pedal.
Como ben dá a entender o seu nome, o Stream Deck Pedal é un accesorio que pode controlarse co pé, tendo o pedal 3 zonas diferentes, de xeito que compórtase como 3 teclas personables que poden premerse cando se teñen as mans ocupadas ou cando non se quere que os espectadores sexan conscientes de que a persoa que está fronte a cámara está a realizar funcións de realización da emisión.
O pedal pode empregarse para silenciar o micrófono, activar un son de censura, activar un meme especial para as vitorias, cambiar de escena, lanzar efectos e case calquera acción que se nos pase pola cabeza. Lembremos que en televisión é habitual o uso de pedais por parte dos presentadores para poder moverse entre o texto que está a ler sen que os espectadores o perciban, e esta mesma función tamén podería realizarse con este trebello que ten un prezo oficial de 89,99 euros.

O novo pedal de Elgato pode ser un accesorio moi práctico para os streamers

PUBLICIDADE