Elgato porá á venda unha capturadora Full HD a 60 imaxes por segundo

luns, 11 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Para poder gravar as partidas da nosa consola de videoxogos para poder compartilas co mundo a través da Internet existen numerosas capturadoras de vídeo, que en moitos modelos son capaces de rexistrar vídeo en alta definición, pero agora que YouTube está a aceptar vídeo a 60 cadros por segundo, mellorar a velocidade de captura tamén é importante, de aí que a partires do 18 de agosto vaiamos ter dispoñible a nova Game Capture HD60 de Elgato, que por un prezo de 169,95 euros pode gardar vídeo en formato H.264 por hardware a 60 fps.
Este novo accesorio resulta ideal para gravar partidas de Xbox One ou PlayStation 4 dende un ordenador con Windows ou OS X, á vez que tamén facilita a realización de streaming en directo a través de Twitch, YouTube ou Ustream, podendo incluso superpor outras imaxes (ou incluso o vídeo achegado por unha webcam) ou engadir a voz do xogador para facer comentarios en directo.
A Elgato Game Capture HD60 conéctase ao ordenador por USB 2.0, mentres que recibe o vídeo a través dunha entrada HDMI, que devolven sen retardo perceptible a través doutro porto HDMI, para que poidamos gozar dos xogos á vez que se captura o seu sinal. O trebello mide 112 x 75 x 19 milímetros, pesa 106 gramos e para funcionar precisa como mínimo dun ordenador cun procesador Intel Core i5 de segunda xeración con 4 Gb de RAM e Windows 7 ou OS X 10.9.


Vídeo de presentación da nova capturadora de Elgato

PUBLICIDADE