Elena Neira analizou as tendencias do sector audiovisual nas instalacións de CTV

luns, 29 de maio do 2023 Marcus Fernández

A profesora Elena Neira co produtor executivo de CTV, Ghaleb Jaber

A produtora audiovisual CTV convidou a traballadores e axentes do sector a acudir ás súas instalacións en Montouto (Teo) para asistir a unha conferencia da profesora e investigadora Elena Neira baixo o título de Tendencias do audiovisual na posguerra do streaming, na que fixo unha análise do marco actual do sector audiovisual alterado pola chegada das plataforma de vídeo baixo demanda a través da Internet e expuxo os retos e oportunidades que as últimas tecnoloxías e tendencias están a provocar.

O relatorio de Elena Neira acudiron numerosos profesionais do sector audiovisual galego

Elena Neira lembrou como Netflix chegou como unha plataforma de streaming dominante, á que responderon finalmente as grandes compañías coas súas propias plataformas, dando lugar á chamada guerra do streaming, á que a propia Neira dedicou un libro, e unha vez que o mercado deixou de guiarse polo crecemento en subscritores e comezou a pedir rendemento económico chegouse á actual conxuntura de posguerra, na que os modelos de negocio teñen que ser sustentables.

Elena Neira analizou os cambios dos últimos anos nos modelos de explotación do sector audiovisual

Como exemplos deste cambio de escenario temos como o feito de que as plataformas de streaming chegaron a prescindir das fiestras de explotación e das licenzas das súas producións a terceiros, reducindo así os seus rendementos económicos, xa que apostando polo dominio dun mercado emerxente descoidaron a moi rendible explotación comercial en salas de exhibición cinematográficas e a comercialización da obra producida en plataformas alleas a través de acordos de licenzas.

Publicidade no streaming

Outro elemento que mudou moito nos últimos anos tamén foi o do achegamento do streaming á televisión tradicional adoptando formatos publicitarios, de xeito que tanto podemos ver plataformas como Pluto TV (con contidos de balde financiados mediante publicidade) ou os plans de Netflix con publicidade (modelo que nos vindeiros meses adoptarán máis plataformas).
En contraste, os medios de comunicación convencionais teñen como grande problema a desconexión coas audiencias novas e o desgaste que provocan as novas plataformas, que agora tamén están a roubarlle anunciantes, polo que teñen que ver o streaming máis como unha oportunidade que como un inimigo, se queren sobrevivir a longo prazo.
Neira salientou as dificultades para comparar as distintas plataformas, por non existir sistemas de medición harmonizados e non haber transparencia no streaming (como si hai na televisión tradicional), ao que habería que sumar o contraste coas plataformas con contidos xerados polos usuarios, como TikTok, na que os contidos son moi breves, pero captan moita atención constante do usuario, detalle do que deberían aprender moitos medios como xeito de dar visibilidade ás súas producións.

Chega a intelixencia artificial

Neira ilustrou casos nos que o ChatGPT exercer de guionista, cos problemas que iso supón

Tema abordado por Elena Neira que máis atención e preocupación espertou nos asistentes foi, sen dúbida, o da intelixencia artificial, que até o momento estábase a empregar para tarefas como os motores de recomendación das plataformas dixitais, e que agora teñen un grande impacto na creación de contidos, xa que as imaxes sintéticas e as voces clonadas facilitan a elaboración de pezas sen ter que recorrer a reshoots, e incluso as intelixencias artificiais xenerativas poden crear guións, o que é un dos motivos polo que actualmente están en folga os guionistas nos EE.UU.

PUBLICIDADE