Elden Ring fixa a súa data de lanzamento

xoves, 10 de xuño do 2021 Marcus Fernández

O traballo que está a desenvolver actualmente FromSoftware, Elden Ring, leva moito tempo espertando a curiosidade do público por detalles como que no seu proxecto está involucrado George R. R. Martin (autor de Game of Thrones) e tras un par de anos cun público expectante por saber máis deste traballo, pro fin desvelan un tráiler no que se pode ver o xogo en acción á vez que concretan que o lanzamento desta produción terá lugar o 21 de xaneiro de 2022.
Elden Ring contará con versión para PlayStation 4, PlayStation 5, Xbox One, Xbox Series X|S e PC (Steam), dando a impresión de que inicialmente estará ausente de plataformas como Amazon Luna ou Stadia, e o seu tráiler dá a entender que recuperará mecánicas vistas en xogos como Dark Souls ou Bloodborne, de xeito que estaría moi na liña do que esperan os incondicionais deste reputado estudio de videoxogos xaponés.
Que este xogo teña unha data de lanzamento prudente vese con bos ollos, xa que os xogadores prefiren ver un título ben desenvolvido polo que teñan que agardar uns meses e non un lanzamento polémico como o de Cyberpunk 2077, aínda que iso supoña que a campaña de Nadal quede sen unha produción tan agardada como Elden Ring, o que tamén podería xogar moi a favor deste título, que non tería que competir directamente cos típicos blockbusters anuais.

Tráiler de Elden Ring

PUBLICIDADE