El Señor de los Anillos: La Guerra del Norte estrea versión para Mac

luns, 23 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Tras a súa chegada a Xbox 360, PlayStation 3 e PC en 2011 do xogo El Señor de los Anillos: La Guerra del Norte, finalmente os usuarios de equipos de Apple poden gozar dunha versión adaptada aos seus equipos na Mac App Store a un prezo de 26,99 euros e ofrecendo un xogo de rol e acción cooperativo que fuxe da historia principal da obra de Tolkien para explotar unha parte da trama baseada en detalles extraídos dos libros e distintos apéndices.
Nesta aventura participan Eradan o montaraz, Andriel o élfico e Farin o anano, nunha viaxe a través de cadeas montañosas conxeladas, ancestrais bosques e poderosas cidadelas para protexer ao Norte das forzas escuras de Sauron.
Este título con modo cooperativo en rede local é esixente, precisando para funcionar un equipo cun procesador a 2 GHz, 4 Gb de RAM, unha gráfica con 256 Mb de memoria e 11 Gbytes de espazo de disco libre, sendo incompatible coas ATI X1xxx, ATI HD2xxx, Intel GMA, Intel HD3000, nVIDIA 9400, nVIDIA 3xx, nVIDIA 7xxx e nVIDIA 8xxx, e precisando dun mínimo de 8 Gb de RAM se temos unha gráfica Intel HD4000.

PUBLICIDADE