Eero, unha proposta de rede Wi-Fi doméstica sen complicacións

martes, 3 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que as redes Wi-Fi supuxeron un grande avance para a conectividade doméstica, non son unha tecnoloxía carente de atrancos, e en numerosos casos espallar a cobertura por todo un fogar é realmente complicado, xurdindo zonas de sombra dende as que resulta complicado gozar dunha boa conexión á Rede. Moitas son as solucións que poden axudar a superar as eivas propias das redes sen fíos, pero agora dende os EE.UU. chega unha compañía que promete unha solución case máxica, que eliminaría as complicacións para simplemente funcionar.
Eero sería a solución comercial que buscaría crear unha rede Wi-Fi estable fuxindo da centralización nun único router, e organizando unha malla de dispositivos que conseguirían unha mellor cobertura por toda a casa e que confían que no fogar ordinario poida funcionar con 3 elementos que se venderían por 299 dólares nun lote (podendo adquirirse unidades adicionais a 125 dólares cada unha), prezos que valerían para quen merque o produto agora, e que non o recibirían até o verán.
Actualmente xa existen numerosas solucións máis económicas baseadas na instalación de repetidores Wi-Fi, pero Eero promete funcionar dun xeito máis intelixente do habitual, sendo capaz de solucionar de xeito automático os problemas que poidan xurdir (por exemplo, o sistema reiniciaríase en caso de detectar un fallo grave, evitando tal molestia ao usuario).
Esta tecnoloxía tamén facilitaría que puidésemos convidar a outros usuarios a conectarse á nosa rede Wi-Fi, creándolles unha conta de convidados e evitando así que teñamos que compartir un complicado contrasinal da nosa rede sen fíos.
Para redondear o produto, tamén prometen que estará actualizado constantemente, principalmente para poder fornecer a nosa rede sen fíos da maior seguridade posible.
Detrás deste desenvolvemento que levou un par de anos está Nick Weaver, un mozo de 26 anos que xuntou forzas con Amos Schallich (anteriormente en Tagged) e Nate Hardison (anteriormente en Parastructure) na Universidade de Stanford e buscaron crear esta prometedora solución de hardware e software, que xa captou a atención de investidores como First Round Capital, Menlo Ventures, AME Cloud Ventures e Homebrew Ventures, e contou con mentores como Jon Rubinstein (ex-director xeral de Palm que participou no desenvolvemento do AirPort e o iPod durante a súa etapa en Apple).
Queda agora por ver se o produto cumpre co prometido e se o público está disposto a pagar as cantidades que perseguen para ter unha rede Wi-Fi que funcione satisfactoriamente e que non precise de coñecementos técnicos para a súa instalación e xestión.


Vídeo de presentación de Eero