Educación felicita aos docentes do IES de Zas que crearon o 1º manual escolar galego sobre IA
martes, 21 de xaneiro do 2025
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou esta mañá o Instituto IES Maximino Romero de Lema, en Zas, onde enxalzou a aposta pola innovación educativa dos dous docentes deste centro que son autores do primeiro manual escolar de intelixencia Artificial en Galicia.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP tivo a oportunidade de afondar cos dous profesores do Departamento de Informática, Fina Paulos e Óscar Rey, nos detalles da publicación e na súa utilidade para abordar un enfoque responsábel das posibilidades deste tipo de tecnoloxías con capacidade de procesar información, entendela e tomar decisións.
A directora xeral explicou que foi precisamente esta necesidade de fomentar un uso axeitado desta nova ferramenta desde a escola o que impulsou ao Goberno galego a poñer en marcha a materia Intelixencia Artificial para a sociedade en 4º de ESO, que se complementa en 1º de Bacharelato coa materia Tecnoloxías intelixentes. Entre as dúas, no seu segundo curso de implantación, contan xa con máis de 3.000 alumnos matriculados.
Editado por Medulia, o manual Intelixencia Artificial para a Sociedade propón un achegamento a estas novas tecnoloxías desde “unha visión clara e pedagóxica”. Inclúe tanto a perspectiva teórica, cun repaso sobre a evolución da disciplina, como mancheas de supostos prácticos con información arredor das principais ferramentas neste eido e as súas posibilidades de aplicación. O libro reflexiona tamén nos desafíos éticos, sociais e legais da chamada IA.