Educación de Teo convoca un curso de alfabetización dixital para familias

luns, 28 de setembro do 2020 S. P.

A Concellaría de Educación do Concello de Teo comeza o outono coa vista posta na alfabetización dixital e no traballo para eliminar barreiras tecnolóxicas, un desafío de especial urxencia toda vez que a crise sanitaria lévanos, máis ca nunca, a comunicarnos, formarnos e traballar online. Ao fío deste obxectivo, a Concellería organiza unha iniciativa de alfabetización e capacitación TIC dirixida ao colectivo de pais e nais do alumnado local.
Trátase do curso de Desenvolvemento de Destrezas Dixitais, unha acción que busca equipar aos pais, nais e titores dos recursos precisos para afrontar todo tipo de operacións e trámites relacionados coas novas tecnoloxías e a educación; como por exemplo revisar as plataformas educativas (Edixgal, Google Classroom, Aula Planeta), repasar nocións sobre o correo electrónico, os procesadores de texto, os buscadores, Google Drive, a Wikipedia... “Con todo isto”, explica o Concello, “pretendemos, mellorar e/ou ampliar os seus coñecementos tecnolóxicos e así poder colaborar/supervisar o traballo dos seus fillos e fillas e en previsión de que debido ao desenvolvemento da pandemia, se realicen algunhas clases online”.
A actividade, que é de balde, consiste nun curso de 8 horas de duración dividido en tres días e realizarase en sete quendas entre o 26 de setembro e o 16 de outubro. Realizarase na Aula da Casa Común de Oza. Para dar cabida ao maior número de participantes, ofrécese un horario variado, abranguendo sesións de mañá, tarde e sábados. Pódese escoller entre as quendas de mañá, de tarde e de sábado.
Para formalizar a inscrición nesta actividade, as persoas interesadas deben cubrir a ficha de inscrición e presentala no Rexistro do Concello. Pódese chamar ao teléfono 881 957 534 ou enviar un correo ao enderezo electrónico educacion@teo.gal.
O curso, que será impartido por profesionais expertos do sector, vaise desenvolver baixo estritos protocolos de seguridade sanitaria; só haberá 10 prazas dispoñíbeis en cada quenda, co fin de asegurar a distancia entre os asistentes, e será obrigatorio levar máscaras ( cirúrxica ou FFP2), lavar as mans co xel hidroalcólico disposto á entrada da Aula da Casa Común de Oza.

PUBLICIDADE