EGANET abandona o Clúster TIC Galicia

xoves, 16 de xuño do 2011 Raquel Noya

“EGANET debe recoller a testemuña que se lle cedeu ao Clúster para seguir traballando e representando ás empresas galegas de software, comunicación e contidos dixitais tal e como o estaba facendo antes da constitución do Clúster TIC”. Con estas verbas, as empresas socias de EGANET, confirmaban o abandono do Clúster TIC Galicia, ao que pertencían dende a súa formación a finais de 2009 e comezos de 2010, para seguir traballando por libre, incrementando as capacidades e a competitividade das súas entidades asociadas.
Nun documento redactado e aprobado polas empresas socias de EGANET, estas apuntan como causas do abandono, que “o Clúster non realiza ningún proxecto, acción ou servizo que non realicen as asociacións empresariais”; que “o Clúster non representa a todos os subsectores do hipersector TIC”, e que “o Clúster non é o único interlocutor do sector”.
Xa que logo, EGANET, que leva traballando activamente en prol do sector TIC tanto dende o seu seo como posteriormente dende a súa adhesión ao Clúster, asegura ter comprobado que esta asociación “non foi quen de unir a todo o sector TIC galego e que se converteu nunha voz máis do mesmo”.
É por isto que, a decisión anunciada hoxe, foi tomada coa intención firme de seguir co seu labor de “defender, potenciar e representar ás empresas galegas especializadas en software, comunicación e contidos dixitais” do noso país, mais iso si, como o viña facendo antes de asociarse ao Clúster, e mantendo a idea de acadar, algún día, un sector TIC galego unificado e coordinado con intereses comúns.

PUBLICIDADE