EE UU anuncia máis firmeza contra a falta de privacidade nas redes sociais

mércores, 24 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

As redes sociais teñen xa unha raizame fonda na nosa sociedade. Segundo conta El Correo Gallego, calcúlase que arredor de 8 de cada 10 internautas galegas/os teñen un espazo de seu nestes servizos 2.0. O fenómeno ten as súas cousas boas e as súas cousas preocupantes. Para facérmonos unha idea disto último, cómpre botar un ollo aos informes de PLASAE, recurso galego presentado esta semana, sobre a produtividade do software e dos servizos en liña nas empresas. Nos informes certifícase que os niveis máis baixos de produtividade, onde esta se volve inexistente, acádanse cos traballadores botando man de redes sociais. Asemade, hai poucas cousas que poidan afastar a un usuario asiduo de Facebook do seu caderno nesta rede. Tendo en conta isto, tamén haberá poucas cousas que afasten das redes sociais a quen busque información privada. En países como EE UU, semella que xa non queda nada da vida real que non se poida facer na 2.0. Este nivel de uso xa tivo as súas consecuencias.
Por exemplo: ducias e máis ducias de demandas contra prácticas abusivas levadas a cabo ao abeiro destas redes. O volume de denuncias é tan grande que o propio Goberno, con Barack Obama á fronte, está a preparar medidas máis firmes para protexer a seguridade na Internet. Estas estratexias, que se darán a coñecer as vindeiras semanas, afectarán a multinacionais como Facebook, Google ou Yahoo!
O programa de medidas incluirá normas concretas para protexer a privacidade e os dereitos básicos dos internautas, amais de vir acompañado da posta en marcha dunha oficina que vixiará o cumprimento das medidas. A estratexia ten a particularidade de que se dirixe a estreitar a marxe de manobra das redes sociais, plataformas que, coa axuda dos seus usuarios, foron en parte responsables da vitoria nas eleccións do propio Barack Obama. O caso é que algunhas empresas 2.0 semella que xa queren ter unha boa parte dos deberes feitos antes mesmo da posta en marcha das devanditas medidas. É o caso de Twitter, que hai uns meses habilitou unha ferramenta de seguridade para que os datos que flúen entre os seus membros sexan cen por cen privados.

PUBLICIDADE