EE.UU. amplía 90 días a licenza temporal a Huawei
luns, 19 de agosto do 2019
A poucos días de iniciar o conflito entre EE.UU. e Huawei,
dende o Departamento de Comercio tiveron
que suspender parcialmente o bloqueo comercial durante 90 días, prazo que vencería
hoxe mesmo, e que segundo
Reuters ampliaríase outros 90 días, permitindo así que Huawei continúe a adquirir
os seus compoñentes a empresas de EE.UU., así como algunhas compañías estadounidenses
poderán continuar a proverse de produtos de Huawei para non padecer problemas
non seus servizos (xa que deixar de traballar con hardware de telecomunicacións
de Huawei non é algo que os operadores norteamericanos poidan facer un día para
outro).
Aínda que Trump acordou con China a retirada de boa parte das sancións a Huawei
en virtude a un novo acordo comercial, estas medidas aínda non se fixeron
efectivas e, de feito, continúa a guerra arancelaria entre ambos países, entrando
en vigor o vindeiro 1 de setembro novos aranceis que afectarían a distintos
produtos de Apple, o que levou a Tim Cook a trasladar o seu malestar ao
presidente dos EE.UU., quen recoñeceu válidos os
argumentos de Apple, compañía que considera que ter que facer fronte a aranceis
específicos por ser unha compañía estadounidense cando o seu competidor máis directo
(Samsung) non ten que facer tal supón unha importante desvantaxe.
ACTUALIZACIÓN: Confírmase a prórroga da licenza temporal a Huawei, no que consideran que é un prazo para facilitar a transición por parte das compañías de telecomunicacións cara a outros provedores tecnolóxicos, pois os EE.UU. consideran que é unha ameaza que as infraestruturas do futuro 5G dependan dunha empresa chinesa.