EA asegura que lanzará o xogo Star Wars Jedi: Fallen Order no outono

martes, 5 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Tras sorprender o lanzamento de Apex Legends durante a presentación de resultados financeiros de Electronic Arts para o derradeiro trimestre de 2018 non quixeron ser menos e, tras anunciar que FIFA 19 foi o xogo de consola máis vendido en Europa en 2018, presumir dun incremento do 15% en partidas no FIFA Ultimate Team e dar conta dun incremento internanual nas vendas dun 6%, confirmaron que están encantados polo inminente lanzamento de Anthem, que preparan novas entregas de Need for Speed e Plants vs. Zombies e que, durante o outono, as entregas anuais dos seus xogos deportivos chegarán acompañadas por Star Wars Jedi: Fallen Order.
Temos así garantido o lanzamento dun novo xogo de Star Wars en 2019, que curiosamente tamén estará desenvolvido por Respawn Entertainment (compañía detrás de Apex Legends e Titanfall) e que será unha aventura de acción totalmente nova que contará unha historia orixinal ao redor dun padawan que sobreviviu aos eventos do Episodio III da saga cinematográfica.
Este novo lanzamento pode ser un sopro de aire fresco despois tras un par de entregas da franquía Battlefront, que permitan gozar dunha aventura con narrativa, en vez dun xogo masivo multiusuario. Aínda que existe a posibilidade de que o xogo remate saíndo a primeiros de 2020, o que si parece é que os estudios non queren rematar a presente xeración de consolas de xeito prematuro, e continuarán a lanzar grandes xogos aproveitando o enorme parque de consolas actual.

PUBLICIDADE