Dyson presenta uns auriculares con cancelación de ruído e purificación de aire

mércores, 30 de marzo do 2022 Marcus Fernández

Aínda que pode parecer unha broma do Primeiro de Abril, Dyson presenta hoxe o seu primeiro purificador de aire persoal integrados nuns auriculares de diadema, os Dyson Zone, que non só filtran gases, alérxenos e partículas, senón que tamén cancelan o ruído para permitir escoitar música con fidelidade.
Dende Dyson non están a enfocar este purificador como unha solución contra a COVID-19, xa que non se trata dun produto de protección persoal (de feito, a viseira dianteira non toca a pel do usuario, buscando unha respiración cómoda e sen conxestión, aínda que é posible que comercialicen un accesorio que achegue un nivel de protección comparable ao dunha máscara), senón dun sistema de filtrado de aire para poder respirar aire limpo en contornos de elevada contaminación.
Aseguran que este rechamante produto é froito de 6 anos de traballo nos que produciron 500 prototipos para que estes auriculares poidan chegar ao mercado o vindeiro outono, sen chegar a concretar o prezo, aínda que o factor chave para o éxito dos auriculares purificadores de aire, superados factores como a súa comodidade, será a aceptación social, xa que resultan demasiado rechamantes.

Vídeo de presentación dos auriculares Dyson Zone

PUBLICIDADE